Sunday 08 de September de 2024

Neda abre unha lista de emprego para a cobertura interina de prazas de oficial de mantemento-conserxe


O prazo para solicitar a participación no proceso selectivo remata o 30 de xullo

O Concello de Neda vén de publicar as bases e a convocatoria do proceso selectivo para crear unha lista de persoal aspirante a funcionario interino ou persoal laboral temporal de prazas de oficial mantemento- conserxe, mediante o sistema de concurso oposición. O prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso é de 10 días hábiles contados dende este martes.

Con esta iniciativa, o Concello busca dotarse dunha lista de emprego que utilizará para a cobertura destes postos, de forma temporal, no caso de vacantes, baixas, vacacións, exceso ou acumulación de tarefas, ou a execución de programas de carácter temporal.
Segundo recollen as bases aprobadas a semana pasada pola Xunta de Goberno Local, figuran entre as posibles funcións a desempeñar a apertura, peche e control do acceso a dependencias municipais; tarefas de auxilio á función administrativa; a xestión do taboleiro de anuncios; a clasificación do correo, recepción e inventario de produtos; atención ao público, e tarefas de mantemento e acondicionamento de edificios municipais. Así, no temario figuran, entre outras cuestións, nocións básicas de carpintería, fontanería, xardinería.

Segundo conta nas bases reguladoras da convocatoria, poderán presentarse persoas cun mínimo de 16 anos e que non superen a idade de xubilación, con nacionalidade española ou doutros estados da UE, e coas capacidades e aptitudes necesarias para o desempeño das tarefas. Deberán dispor do título da ESO ou equivalentes de etapas educativas anteriores (graduado en secundaria, graduado escolar ou técnico auxiliar; bacharelato elemental) e do CELGA 3, ou ben estar en condicións de obtelos antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

A fase de concurso aportará un máximo de 40 puntos (experiencia previa + formación específica) e outros 60 obteranse na fase de oposición, que constará de tres exercicios (un tipo test, un exercicio práctico e a proba de coñecemento do galego, no caso de non acreditar o coñecemento da lingua).

As persoas interesadas en participar no proceso teñen de prazo ata o 30 de xullo para presentar as súas instancias de solicitude, conforme ao modelo oficial, que pode descargarse na web municipal, xunto coa documentación complementaria. No caso de presentar a solicitude nun lugar distinto ao do Rexistro do Concello de Neda, deberán remitir unha copia o mesmo día ao correo electrónico: correo@neda.gal.